Thursday 09 de May de 2024

Dobre cita co remo nas augas da Pobra


O peirao comercial pobrense vivirá no 4 de xullo dúas regatas: a XVI Bandeira Concello da Pobra e a I Bandeira Feminina Alicrusa. Reunirán un total de 20 embarcacións que se botarán ao mar para tentaren acada-la vitoria na súa modalidade correspondente. Ambas forman parte do calendario oficial de competición da Liga Galega de Traiñeiras A e da Liga Galega de Traiñeiras Feminina. Ao acto de presentación destas probas deportivas asistiron o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra); Adrián González, en representación do Club Remo Puebla; Jonatan Fernández, no nome da Liga Galega de Traiñeiras (LGT); Antía Alberte, remeira do equipo absoluto feminino da entidade deportiva pobrense; e Camila García, remeira do equipo veterano feminino da mesma entidade.

A xornada arrancará ás 11.30 horas coa I Bandeira Feminina Alicrusa, na cal participarán 8 clubs, entre eles o propio Club Remo Puebla, que competirá nesta categoría por primeira vez. Unha vez conclúa esta proba, arredor das 12.30 horas, terá lugar a XVI Bandeira Concello da Pobra, na cal tomarán parte 12 entidades deportivas.

O percorrido será de 5556 metros, tanto para a categoría masculina coma para a feminina, nun campo de 4 rúas, repartidos en 6 longos e con 5 ciavogas. O premio consistirá, ademais das propias bandeiras, no repartimento dun total de 15 633 euros: 9000 euros para a Liga A e 6633 euros para a Liga Feminina. Establécense as mesmas cantidades para percibir por parte dos equipos masculinos e femininos en función do posto que acaden nas súas respectivas regatas.

Cómpre indicar que a Administración local patrocina a XVI Bandeira Concello da Pobra e colabora na organización co Club Remo Puebla; e a empresa Alicrusa patrocina a I Bandeira Feminina Alicrusa.

Os dous eventos transcorrerán seguindo as medidas establecidas por mor da COVID-19 e contarase coa colaboración da Protección Civil.